Thursday 16 de May de 2024

Muíños insta a mellorar a mobilidade no Carme de Abaixo e a executar unha conexión peonil entre o barrio e a nova senda de Figueiras


Defenderá a proposta no pleno deste luns avogando por liberar de tráfico rodado na zona, estudando alternativas para a conexión con Figueiras, e con actuacións de humanización e mellora da seguridade peonil

Insta ao goberno local a proxectar unha beirarrúa entre o barrio e o comezo da senda peonil a Figueiras que está executando a Deputación

A mobilidade na contorna da rúa de San Lourenzo, a ruela dos Gatos, Oblatas e a calzada do Carme de Abaixo serán obxecto de debate este luns no pleno da Corporación. O Grupo Socialista leva unha proposta coa que pretenden conseguir o compromiso do executivo local para acometer actuacións de mellora no barrio que pasan por buscar alternativas para a conexión do tráfico rodado con Figueiras, así como a instalación de iluminación pública e a construción dunha beirarrúa que dea maior seguridade aos peóns e que conecte coa senda peonil que está a executar actualmente a Deputación.

“Son melloras importantes para facer un barrio máis amable, con menos tráfico rodado e maior seguridade para os peóns” explica Gonzalo Muíños. O portavoz dos socialistas propón un plan de actuación en tres eixos, o primeiro deles pasa por un estudo da mobilidade na zona, para ofrecer alternativas viables ao tráfico de vehículos que os conecte co vial de Figueiras (DP-7803), de xeito que se permita a humanización do Carme: “a partir de que se desvíe ese tráfico poderían acometerse actuacións de humanización nas rúas do barrio e incluso crearse algunha bolsa de aparcadoiro neste ámbito”.

Lembran os socialistas o suceso no que, hai unhas semanas un vehículo de alta tonelaxe quedaba atrapado na ponte do Carme. Un feito que, segundo Muíños, “amosa a necesidade de actuar nunha zona que, ademais, ten medrado moito nos últimos anos” en relación ao incremento de residentes no barrio.

Na mesma liña propoñen o acondicionamento da rúa do Carme de Abaixo e instan ao goberno local a iniciar o procedemento para executar unha beirarrúa que una este barrio coa senda peonil a Figueiras. Unhas obras, as da senda peonil que avanzan a bo ritmo e que supoñen un desembolso, por parte da Deputación de A Coruña de preto de 900 mil euros.

Ademais, explica Muíños que é necesario completar a iluminación pública da travesía pola que transcorre a senda, á altura do parque da Selva Negra, polo que reclámalle ao bipartito que, ben con fondos propios ou a través dunha acción conxunta coa Deputación, se instalen as luminarias precisas para garantir a seguridade dos peóns.